v2vitorvaqueirotratadodoefemero007.html
Cando os guerreiros Han invadiron o
reino de Chou empregaron a concorrencia da armadilla e os acasos
da meteoroloxía máis que o lume e a espada. Nunha noite de
furacán zarmoño, o invasor, chantado no seu proprio territorio,
entoou vellas cantigas chou que os ventos espilidos
transportaron, facendo acreditar aos defensores que a invasión
se achaba consumada. Apavorados, os militares chou, o mesmo que
outros moitos da súa especie no percurso da Historia, esqueceron
a honra, a lei e os xuramentos proferidos con anterioridade e
fuxiron, imitando e prefigurando, nun único episodio, accións
acontecidas no pasado e vindeiro e protagonizadas pola estirpe
castrense. Ao carón do monarca só ficaron o seu cabalo preto e
a súa barregá. O primeiro porque xamais tivera outro xinete e
talvez, á súa idade, o costume e o instinto empurrábano a
rexeitar un novo cabaleiro na garupa. A segunda -Yu era o seu
nome- porque probabelmente se afixera á mágoa cotiá de aturar
o tirano que asolagara o reino no desasosego. Como vinganza ao
agravo dos anos transcorridos baixo o xugo, nun descoido do rei,
Yu apoderouse súpeta da espada do monarca e con dous tallos,
raudos e escintilantes como a Lúa, amputou a cabeza do cabalo e
a súa propria cabeza. Así foi como o soberano chou, coa
compaña mortal da soidade e dous corpos cerceados de olladas
inmutábeis, agardou as tropas do camponés aventureiro Liu Pang,
da dinastía Han, que, no abrente neboento, cruzaban a fronteira.